A Fundación Gonzalo Torrente Ballester e a Asociación Galega de Artesáns (AGA) veñen de formalizar un convenio de colaboración para a posta en marcha dun novo espazo expositivo e comercial na sede da Fundación, situada na rúa do Vilar, en pleno casco histórico de Santiago de Compostela. Este acordo permitirá a apertura ao público dun espazo compartido dedicado á artesanía galega de calidade e á difusión da obra literaria de Gonzalo Torrente Ballester, reforzando así a conexión entre creación artística contemporánea e patrimonio literario. O novo espazo, integrado na zona de recepción e tenda da Fundación, ofrecerá unha selección coidada de pezas elaboradas por artesáns asociados á AGA, xunto coas publicacións e edicións vinculadas ao autor, configurando unha proposta singular dirixida tanto ao público local como ao turismo cultural. Esta iniciativa acompáñase dun proceso de reorganización e mellora dos espazos da Fundación, no marco do seu plan de actualización, que inclúe a renovación da área de acollida ao público e a optimización dos distintos usos do edificio. Como resultado, a sede contará cun horario de apertura máis amplo, co obxectivo de facilitar o acceso á exposición permanente, á tenda e ás actividades culturais ao longo de todo o ano. A colaboración entre ambas entidades supón tamén unha aposta por un modelo de turismo máis sostible e de calidade, baseado na autenticidade, na creación local e no coñecemento do patrimonio, contribuíndo á dinamización cultural e comercial do casco histórico compostelán. Segundo as entidades asinantes, este novo espazo nace coa vontade de converterse nun punto de referencia para visitantes, investigadores e amantes da cultura, integrando literatura, artesanía e identidade galega nun enclave privilexiado a escasos metros da Catedral de Santiago.

A Deputación da Coruña concedeu unha subvención á FGTB, destinada a mellorar as instalacións da FGTB. Esta subvención permitiu unha mellora substancial da zona da tenda e da recepción de visitantes da sede da FGTB na rúa do Vilar 7/9, e está incluída no plan general  de rehabilitación e actualización da nosa sede fundacional, así como na súa apertura ao público e ás persoas investigadoras. A actuación consiste na reordenación e redeseño do espazo de recepción de visitantes e da tenda co obxecto de adecuar as instalacións ás necesidades de atención ao público, mellorar a funcionalidade da área, favorecer a accesibilidade e ofrecer unha experiencia máis ordenada e cómoda para as persoas visitantes.

Ademais, durante os anos 2025-2026 realizamos unha importante labor de reordenación interna xeral de todos os espazos do edificio, que queda agora configurado cunha estrutura moi definida por andares, destinados aos diferentes departamentos en que se divide a actividade da FGTB. Ademais da citada exposición dedicada a o noso fundador, a recepción e tenda están na planta baixa.  O primeiro andar configurouse como un espazo multiusos dedicado a exposicións temporais e actividades culturais; o segundo andar está ocupado polo Centro de Investigación Gonzalo Torrente Ballester, que inclue a biblioteca, a hemeroteca e o arquivo do noso fundador; o terceiro andar destínase a espazo museográfico do escritor e zona de reunións e actividades de representación do Padroado; ademais das oficinas e diversos espazos para arquivo e almacenamento situados nas entreplantas.

En xullo de 2025 inaugurouse esta exposición adicada ao noso fundador na nosa sede de Santiago de Compostela.

A mostra repasa a vida e obras do noso fundador e propón un atractivo percorrido polos diferentes espazos vitais mediante heteroxéneas pezas, incluídos manuscritos, documentos orixinais, primeiras edicións e obxectos persoais. Todos eles demostran a súa paixón pola fotografía e o cine, a escritura e a docencia. Son ademais proba dunha vida singular en continuo tránsito tanto físico como intelectual e artístico que se xestan e se desenvolven en cada unha desas etapas: Ferrol, Madrid, Pontevedra, Albany (EUA), Vigo e A Romana, Salamanca.

Cada sección responde a unha cidade que habitou, coa que se explica como e en que momento foron xurdindo as diversas facetas nas que se despregou a actividade intelectual e artística. Obviamente a máis coñecida foi a de escritor, pero tamén foi profesor e estudoso da Historia, ensaísta, articulista de prensa, crítico literario e teatral, guionista teatral e cinematográfico e fotógrafo.

A mostra inclúe o Recuncho do escritor e un documental GTB x GTB que repasa a súa vida. Tamén inclúe premios como o Nacional de Literatura (1980) e o Cervantes (1985), Premio Príncipe de Asturias das Letras (1982), varios doutoramentos honoris causa e a Cruz de Afonso X o Sabio.

Todos os obxectos e a documentación expostos pertencen ao legado fundacional e son parte dos fondos da FGTB que se conservan na nosa sede.

A exposición inaugurouse o 3 de xullo de 2025, estivo aberta ao público entre xullo e outubro de 2025 e financiouse grazas a unha achega da Deputación da Coruña.

Durante 2026 estará aberta os sete días da semana entre abril e outubro, a entrada custa 3,5 euros. A lingua vehicular da mostra é o galego. A FGTB proporciona aos visitantes que así o prefiran folletos explicativos en castelán e inglés. Hai un catálogo en castelán e outro en galego á venda na nosa tenda.

https://www.instagram.com/fundaciongtb/reel/DLo29n3IhEP/