Madrid, Ediciones Cid, La novela del sábado, II, 1954
Construída con materiais da súa historia familiar, é un relato realista que proporciona os datos da orixe escura de Farruco, protagonista da historia. Anúnciase o mundo poético, realista e mítico de Los gozos y las sombras. Ausencia de barroquismo no estilo. CB.

Barcelona, Planeta, 1979
(Contén: El cuento de Sirena, Farruco el desventurado, Farruquiño, Mi reino por un caballo e El hostal de los dioses amables).
El cuento de Sirena, que recolle a xa case esquecida lenda dos Mariño, é un relato envolto no misterio que emana da súa protagonista, Sirena, e sobre todo do ambiente galego no que o mito, a superstición e a relixión forman un todo estraño e complexo. Farruco el desventurado é unha historia pertencente ao mundo familiar e infantil do autor, a medias recordada, a medias inventada, apoiada no autobiografismo. En Farruquiño, xa o vimos, os materiais teñen a mesma procedencia. Os dous últimos relatos recollidos en Las sombras recobradas son de moi distinta natureza: pertencían (xunto con Ifigenia) a un proxecto do autor anunciado como “Historias de humor para eruditos”, que nunca chegou a cuajar. As tres narracións teñen un denominador común: o seu carácter intelectual. Mi reino por un caballo é unha longa parodia na que o parodiado é a novela inglesa en xeral e a policíaca en particular, poñendo en xogo todos os recursos humorísticos que tan maxistralmente emprega o autor. El hostal de los dioses amables conta o fracaso dos deuses (do Olimpo) no seu intento de axudar aos homes, carentes de amor e solidariedade, porque o home nin sequera cre neles. A tese deste relato pon de manifesto o escepticismo do autor ante a vacuidade da vida do home moderno. Para contrarrestar o intelectualismo do diálogo entre os deuses e humanizar a súa condición divina Torrente Ballester utiliza a ironía e o humor exclusivamente nestes diálogos. CB.
Madrid, Almarabú (col. Textos tímidos), 1987
Narrado en primeira persoa, relata o encontro cun estraño e misterioso profesor, cuxas singulares e disparatadas teorías evitan o asombro ante o desenlace. A historia á que se dà aires de realidade ao apoiarse en datos reais da biografía do autor, céntrase nun personaxe que podería ser o xermen dalgún outro de similares características na produción de Gonzalo Torrente. Penso, por exemplo, en Pablo Bernárdez, de Fragmentos de Apocalipsis. CB.
Barcelona, Destino (col. Ancora y Delfín), 1987
(Contén: Ifigenia, Lope de Aguirre, el peregrino, Gerineldo, Cómo se fue Miguela, El comodoro, Iñaqui, mi primo y Dios, Una mujer que huye por los túneles, Hombre al agua e La cruz de hierro).
Dos relatos contidos neste volume só tres son inéditos: Lope de Aguirre, el peregrino, El Comodoro, La cruz de hierro, e os demais foron publicados noutra ou noutras ocasións, ben por separado en lugares máis ou menos asequibles, ben formando parte da súa Obra Completa 1 (Barcelona, Destino, 1977). Lope de Aguirre, el peregrino, é unha biografía novelada do personaxe histórico, escrita nunha prosa arcaizante, e que constitúe o xermen da súa obra dramática Lope de Aguirre. Crónica dramática de la historia americana en tres jornadas. El comodoro e La cruz de hierro recollen experiencias e sucesos pertencentes ao mundo infantil do autor. Ambas reconstruen vellas historias oídas tempo atrás, evocadas e transformadas pola memoria do novelista, e desenvolvidas nun espazo, que ben puido ser o marco dunha magna saga: Villarreal de la Mar. Gerineldo (publicado inicialmente no xornal Arriba, Madrid, 23-VII-1944) anticipa en certo modo o tema de El retorno de Ulises: proceso de creación do mito en ausencia do heroe, seguido dunha autodesmitificación. Axustado emprego do recurso da ironía, tan característico nas creacións torrentinas. Cómo se fue Miguela (publicado inicialmente en El Español, Narraciones breves, Madrid, 17-IX-1944), é un texto moi breve, suficiente para adentrarnos na maxia das ancestrais lendas galegas, este relato utiliza o tema dos desaparecidos no mar e o seu regreso para levar aos seus seres queridos que lles esperan. Iñaqui, mi primo y Dios (publicado inicialmente na revista Triunfo, 9-10, 1981, páxs. 66-71), é un relato a medio camiño entre a ficción e a autobiografía; os materiais procedentes da súa infancia e adolescencia se metamorfosean na imaxinación, e a relación que establecen co corpus narrativo no que se integran proporciona verosimilitude; así, tan real nos parece o cuarto no que se atopaba encerrado Deus como o cuarto do primo Iñaqui. Una mujer que huye por los túneles (ou Eurídice es encontrada por Orfeo en las profundidades) publicado inicialmente en El Metro de Madrid (C. Ferrocarril Metropolitano, 1985), supón a actualización do tema clásico por medio da transposición metafórica do inferno aos túneles e vagóns do tren metropolitano. Narración de tipo fantástico-surrealista que aproxima o misterio ao medo e o terror. CB.
Barcelona, Editorial Juventud (col. Narrativa Breve), 1992
Cunha técnica de mise en abyme, o autor reelabora a lenda dos Mariño de Lobeira vinculada ao mito da serea. O relato, desenvolvido en ambiente galego, é o resultado da feliz simbiose entre mito, superstición e relixión. CB.
Barcelona, Editorial juventud (col. Narrativa Breve), 1993
Este relato pon de manifesto o escepticismo do autor ante a vida baleira do home moderno. Os homes xa non cren nos deuses, por iso os deuses (do Olimpo) fracasan cando intentan axudalos. Publicado por primeira vez en Las sombras recobradas (Barcelona, Planeta, 1979). CB.
Barcelona, Planeta Bolsillo, 1995
Contén El cuento de Sirena, Farruco el desventurado e Farruquiño, xa publicados anteriormente. CB.
Barcelona, Planeta Bolsillo, 1995
Contén Mi reino por un caballo e El hostal de los dioses amables. Ambos xa publicados en Las sombras recobradas. Trátase de relatos elaborados con materiais literarios nos que o xogo, a ironía e a parodia ocupan un lugar central. CB.