El viaje del joven Tobías. Milagro representable en siete coloquios (1938)Burgos, Ediciones Jerarquía, 1938.
Primeira obra do autor, quen, cun estilo engolado e arcaizante, tenta actualizar o tema bíblico de Tobías, situando como centro da acción o incesto, motivo revolucionario no seu tempo. Observamos xa nesta primeira obra a presenza de conceptos, temas e tendencias que caracterizarán a produción literaria de Gonzalo Torrente: o humor, intelectual aquí, a ironía, o gusto polo fantástico, o tema mítico ou o concepto do amor. CB.
El casamiento engañoso. Auto sacramental (1939)Madrid, Ediciones Escorial, 1939.
A lectura de El hombre y la técnica de Spengler inspira este auto sacramental que evidencia a posición antimaquinista do seu autor, polos perigos que leva aparellada a técnica para os valores espirituais do home. CB.
Lope de Aguirre. Crónica dramática de la historia americana en tres jornadas (1941)Madrid, Ediciones Escorial,1941.
Constituíe na produción literaria de Torrente Ballester o primeiro achegamento ao tema do poder. Nunha áxil sucesión de escenas curtas preséntasenos a soberbia e axónica personalidade de Lope de Aguirre, conquistador histórico, debaténdose entre a súa ambición de poder absoluto disfrazado de tarefa épica, e a inseguridade e as dúbidas que asaltan continuamente a súa conciencia relixiosa. CB.
República Barataria. Teomaquia en tres actos (1942)Madrid, Ediciones Escorial, 1942.
A oposición entre dous personaxes, o activista Petrowski e o relixioso Liszt, representantes de dúas tendencias ou actitudes humanas, é o tema desenvolvido nesta comedia, probablemente a máis feble das escritas por GTB. Tal enfrontamento volverá xurdir na súa literatura posterior, aínda que con resultado diverso. O aspecto máis destacable desta obra é o abandono definitivo da linguaxe retórica e a adopción dunha linguaxe máis acorde co momento histórico-literario e, probablemente, co novo talante do autor.
CB.
El retorno de Ulises (1946)Madrid, Editora Nacional, 1946.
É, sen dúbida algunha, a mellor das pezas teatrais de GTB. Con sinxelleza e intelixencia recrea o tema clásico de Homero, elaborando un proceso de mitificación por medio da ausencia, ante os ollos do espectador, quen é igualmente testemuña da autodestrución ou autodesmitificación do mito. O tema é utilizado tamén noutras obras posteriores como Ifigenia ou El señor llega. CB.
Atardecer en Longwood (1950)Madrid, Editorial Haz, 1950.
Desenvolvida nun só acto, o seu ritmo sinala claramente a división clásica en tres actos. Clásico é tamén o seu sometemento ás tres unidades de acción, tempo e lugar. O protagonista é un dos mitos persoais de GTB, mito que asoma e toma figura, de maior ou menor importancia, en moitas das súas obras; refírome, claro está, a Napoleón. CB.
Publicada en Gonzalo Torrente Ballester: exposición bibliográfica, A Coruña, Diputación de A Coruña, 1990, páxs. I-LXVII.
A pesar de que no libro no que se publica, por primeira e única vez, se afirma que foi escrita no ano 47, o dato extraído de Los cuadernos de un vate vago (Barcelona, 1982, pág. 51), sumados ao tema tratado, moi afastado das súas composicións dramáticas anteriores (intrigas para impedir que concedan o premio Nobel a un escritor), o realismo e as diferenzas estilísticas respecto das demais, sitúan esta peza dramática nos anos sesenta. CB.