Fundación Gonzalo Torrente Ballester

Aquí, no corazón de Villasanta da Estrela, baixo o amparo da Berenguela, atópanse agora os asombrosos universos torrentinos: o seu legado. Todos temos o deber de preservalo, descubrilo, divulgalo e estudalo, porque só así teremos cumprido coa obriga de contribuír a manter e enriquecer o noso valioso patrimonio cultural, conduto indispensable para vincularnos coa historia, para simbolizar a nosa identidade, para manter o diálogo con outras culturas.

Carmen Becerra, 2016

A Fundación Gonzalo Torrente Ballester (FGTB), constitúese en Santiago de Compostela o 22 de xullo de 1999. Son institucións fundadoras da mesma: a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. Defínese como unha entidade “de interese galego, de carácter cultural, privado, permanente e sen ánimo de lucro”.

A FGTB custodia o legado do seu fundador albergando a totalidade da súa biblioteca cun fondo de 17.000 libros, e o seu arquivo persoal integrado por artigos, cartas, enseres persoais, cadros e distincións, así como centos de bobinas e cintas magnetofónicas coa súa voz.

Desde os seus inicios, a sede da FGTB converteuse nun punto de referencia importante da actividade cultural de Santiago de Compostela converténdose en lugar de encontro de artistas, escritores, investigadores e persoas relacionadas co mundo da ciencia e a cultura en congresos, seminarios, conferencias, exposicións, coloquios e proxeccións, que contribúen á difusión da literatura, a arte, o teatro, o cine ou a fotografía.

Patronos institucionais

Fins

Os fins da Fundación resúmense en promover o estudo da obra de Gonzalo Torrente Ballester e a conservación do seu legado cultural, e concrétanse en:

  • Promocionar a investigación e o estudo da figura e a obra de Gonzalo Torrente Ballester.
  • Contribuír á localización e recuperación de toda a produción do autor, tanto a de carácter profesional ou público, como a de carácter privado ou persoal.
  • Reunir o seu patrimonio bibliográfico e documental (manuscritos, fotografías, etc.). En definitiva, os bens que compoñen o seu arquivo persoal co fin de garantir a súa permanencia no tempo e no espazo.
  • Contribuír e participar do desenvolvemento humano, cultural, social e científico de Galicia en particular e de España en xeral.